Plantae – Magnoliophyta – Liliopsida – Orchidales – Orchidaceae – Limodorum
Visto que aínda non é tempo de voar as bolboretas falarei de…orquídeas.
Xa fai uns cantos anos que José Otero e máis eu vimos fotografando as orquídeas galegas a raíz dun artigo na Nova Acta Compostelana de Carlos Cortizo & Elvira Sahuquillo, profesores da Universidade de A Coruña, que posteriormente publicaron a excelente Guía das Orquídeas de Galiza, aínda que é certo que xa antes tiñamos fotografado algunhas. Para eles, como para algún outro, os nosos agradecimentos porque sen as súas aportacións poucas teríamos fotografado, estamos en débeda con eles e se algo podemos facer para axudar non teñen máis que decilo. Non os coñecemos persoalmente, e ben que nos gostaría, porque moitas cousas nos gustaría preguntar.
No 2006, momento da publicación do libro, dixeron que había 39 especies. Posteriormente en La Voz de Galicia falouse que tiñan descuberto unha nova orquídea, a Dactylorrhiza cantabrica, que algúns pensan que pode ser un híbrido de Dactylorhiza insularis × D. sambucina e que eles din que corresponde ás poblacións galegas atribuídas até agora á especie D. sambucina. O ano pasado Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño daban a coñecer as fotografías de Barlia robertiana feitas no Parque Natural de Corrubedo a primeiros de ano, unha orquídea da que non se tiñan noticias en Galicia desde principios do Século XX, no que se falaba dun exemplar recollido nun herbario que hoxe non aparece por ningures.
Son entón arredor de 40 especies das que levamos fotografado trinta e tantas e na que algunha se nos resiste no tempo, caso da Pseudorchis albida, a pesar de levar a cabo unha busca dirixida ao longo de varios anos, e non é a única porque algo similar acontece coa Epipactis helleborine. O caso da Epipactis fageticola é aparte porque os autores da guía dubidan da súa existencia dado que o lugar onde foi achada mudou radicalmente hoxe e nós nin nos dignamos en facer unha procura de xeito. Para rematar, e no meu caso concreto, está a dicotomía Orchis coriophora subs. fragans/Orchis coriophora subs. matrinii. Para algúns autores é a mesma orquídea. Eu fotografeina na Beira Litoral portuguesa e alí atopei exemplares máis claros, máis escuros, de maior e menor tamaño de esporón ou folla, que arrecendían, que cheiraban ou nin unha cousa nin outra. Non sei se hibridaron ou é que só hai unha especie. Das que atopei en Galicia falarei outro día.
E toda esta entrada para mostrarvos que Limodorum abortivum e Limodorum trabutianum son dúas especies que se poden diferenciar claramente botándolles un ollo á flor.


Vendo as planta enteiras sen entrar en detalles parecen a mesma. Tamaño, forma e colorido son moi semellantes, tende a ser maior e un pouco máis violáceo o L. abortivum e as follas (reducidas a escamas) son de enteiras a trilobuladas mentres que no L. trabutianum son de enteiras a tetralobuladas. Viven no mesmo medio, nas calias ourensáns, polo que distinguilas pasa por fixarse nas flores.

O labelo ten dúas partes diferenciadas no L. abortivum: hipoquilo, a parte basal, claramente máis estreita e epiquilo, a distal, máis ancha. Mentres que no L. trabutianum o labelo é moito menos diferenciado.

O outro detalle é o esporón; moi longo no L. abortivum e moi pequeno, apenas un botón, no L. trabutianum.
Con isto xa non debería haber lugar á confusión.
Son plantas curiosas, parece unha vara de cor violeta, con apenas clorofila, máis frecuente en lugares secos con sombra, que poden non chegar a aparecer todos os anos e aínda así florecer e dar froito baixo terra, que se as súas raíces asócianse con fungos micorrizas que lle aportan substancias carbonatadas, que aínda que pode haber himenópteros que axuden na polinización teñen a capacidade para autogamia e por iso a flor non chega a abrir e para rematar dicir que son plantas saprófitas ou parásitas. Custa velas a primeira vez porque ademáis non é unha planta moi común no noso país.
Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada