Xermán García Romai, un curioso que simplemente intenta dar resposta a todo aquilo que nos arrodea, comezando polas relacións que se dan no medio natural e o coñecemento das especies, con formación académica en xornalismo e dereito, natural de terras do Barbanza e con máis de 10 anos de presenza na rede co blog Natureza dixital.
¿Non sei si queres comezar facendo algunha addenda ou aclaración á presentación?
Fai anos que observei na rede unha necesidade de información sobre as diferentes especies presentes no noso medio natural pero non do xeito habitual, dando por feito que o nivel do destinatario da mensaxe é o de alguén con coñecementos previos sobre a materia, senón tentando de forma sinxela e dando prioridade a imaxes diferentes ou atraentes, un primeiro achegamento. É sorprendente que as primeiras reaccións sexan de sorpresa ó saber, por exemplo, que non é preciso ir ao trópico para atopar orquídeas, senón que na Galiza temos 40 especies diferentes. No noso país temos abondosas especies en perigo, que normalmente pasan desapercibidas para a poboación, incluso para os veciños e veciñas do lugar onde se atopan estas especies, xa que a única información
que se pode atopar na rede é aquela enfocada á comunidade científica ou a un público xa iniciado.
¿Que pasou para ter un especial interese en fotografar a natureza? ¿Dentro desa fotografía cal é a túa preferida?
Para os rapaces da miña xeración era natural pasar nos montes moitas horas, e máis con incentivos como que daquela época era a coñecida serie “Fauna Ibérica”, dirixida e presentada por Félix Rodríguez de la Fuente, a que ocupaba as pantallas da única canle televisiva existente. Moitos rapaces agardabamos expectantes o seguinte capítulo e logo “competiamos” por atopar calquera das especies das que se falaba na serie. Logo disto, a finais dos anos 80 e comezos dos 90, tiven moito contacto con algúns membros das organizacións ecoloxistas pioneiras do noso país.
Non podería quedarme cunha disciplina concreta da fotografía de natureza. Para as aves ou mamíferos precisamos, polo común, de obxectivos de larga distancia focal, así como de moita paciencia e coñecemento das diferentes especies para saber en que momento estamos nunha distancia mínima a partires da que podemos interferir na súa tranquilidade. Doutro xeito, para invertebrados ou plantas, temos que saber onde procuralos e modificar o menos posible o medio natural. Certamente, a única restrición á que me someto, é a de tentar deixar todo como estaba antes de tirar unha foto, procurando causar as menores molestias posibles ás especies fotografadas. En ocasións, dáme maior satisfacción fotografar unha especie común que unha especie rara.
Polo que levo visto en Natureza dixital saes ás veces fotografar con Antonio Parada. ¿Prefires saír só ou ir acompañado?
Adoito ir só. O caso de Tucho (Antonio Parada) é diferente. Trátase dun vello amigo ó que coñecín cando eu traballaba no Parque Natural de Corrubedo. Daquela Tucho, xa seareiro de sempre da fotografía, traballaba coma mariñeiro, pasando longas mareas fora da casa, pero cando volvía a Aguiño, ía decote a fotografar plantas ó Parque Natural. Agora Tucho está prexubilado, polo que cando volto polo Barbanza, sei que conto con alguén para saír a fotografar pola zona.
¿Que foi o que che fixo empezar nisto da fotografía?
Aínda que agora vivo en Compostela, comecei a traballar no Parque Natural de Corrubedo no momento da súa declaración, no ano 92. Daquela había un grupo de rapaces novos con moitas inquietudes no movemento ecoloxista, que se movían moito por ese espazo natural. Entre eles un compañeiro de traballo, hoxe desaparecido, pero que foi dos pioneiros galegos da educación ambiental na Galiza, Santiago Gallego Picard. Moitas horas, tanto no traballo coma fora del xuntos, fixeron que compartísemos inquietudes polo medio natural. Sen dúbida algunha, aparte dun gran amigo foi o meu mestre no tocante ó medio natural. El xa se adicaba á fotografía naquel entón, momento no que non existía a fotografía dixital, e eu merquei unha cámara réflex coa que tirei as miñas primeiras diapositivas.
¿Que equipo levas habitualmente?
Penso que demasiado. Pero en moitas ocasións creo que, a pesares dos case que 20 Qg de peso da bolsa, levo o imprescindible. Agora mesmo, levo na bolsa: dúas cámaras canon (5D mark II e 50D), un obxectivo sigma 150-500mm, dous obxectivos macro canon (100mm e 50mm), tubos de extensión kenko, un obxectivo gran angular canon 17-40mm, flash anular, flash normal, así como filtros varios e outros complementos como un cable disparador ou o trípode. En ocasións faise duro o peso da equipa, sobre todo en terreos montañosos, algo que xa me aconteceu nos Alpes, pero o resultado dunha boa foto paga a pena.
¿Utilizas algún tipo de software? Si é afirmativa a resposta ¿Que tipo de retoque fas?
Non acostumo a facer retoque fotográfico, o software que emprego é para revelado exclusivamente. O único que acostumo a facer e retoque de exposición ou balance de cores. Tento que a foto sexa natural.
Foi con Antonio Parada que descubriches a Barlia robertiana. ¿Quen a viu primeiro? ¿Recoñeciches a orquídea de inmediato?
Si, foi con Tucho. Un día de xaneiro despraceime a Corrubedo para fotografar limícolas e aves mariñas nunha zona rochosa do parque, xa ó solpor, cando marchabamos, chamoume a atención unha espiga florida do que semellaba unha orquídea a 20m de onde nos atopabamos. Nun primeiro momento o único que me sorprendeu foi que florecese unha orquídea no mes de xaneiro, e foi por iso polo que nos achegamos ó lugar. Tanto Tucho coma eu adoitamos fotografar orquídeas, polo quecoñecíamos tódalas especies que se daban neste lugar, esta non. Sen unha guía coa que clasifica-la orquídea, fixemos fotos e agardamos chegar á casa para coñecer de que especie se trataba. Foi unánime, non lembro se foi el o que me chamou a min ou eu o que o chamei a el, pero os dous tiñamos diante o volume XXI da flora ibérica e a certeza de que se trataba da Barlia robertiana.
Nun primeiro momento, e xa que a flora ibérica indicaba unha cita (dubidosa) da especie na provincia de Lugo, pensamos que nos achábamos ante unha primeira cita para a provincia da Coruña. Logo, tras contactar coa especialista en orquídeas Elvira Sahuquillo, e co meu amigo e botánico Íñigo Pulgar, quedou claro que era a primeira cita en firme para Galiza desta especie.
¿Cal foi a resposta dos especialistas?
De feito moi boa. No caso de Íñigo Pulgar, autor de moitas guías de plantas de espazos naturais galegos, adoito estar en contacto permanente con el, xa que lle facilito novas localizacións de especies e pregos de herbario habitualmente. El foi o que suxeriu que redactásemos un artigo para unha publicación científica, xa que o achado tiña a suficiente transcendencia por si só como alomenos para un artigo breve. No caso de Elvira Sahuquillo, durante eses días houbo un intercambio de correos para poñela ó tanto da descuberta. Logo tanto ela como Javier Amigo, revisaron o artigo previamente á súa publicación na Nova Acta Científica Compostelana.
¿Que lugar do país che parece especial para unha saída fotográfica?
Para min calquera lugar da nosa terra é especial para unha saída fotográfica, pero os máis diferentes dos lugares polos que me movo decote, sonche especiais. No pasado 2011, coñecín por primeira vez o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tiña pensado ir a el por fotografar algunhas especies de orquídea que non se atopan polos lugares nos que adoito moverme, pero esa visita de dous días, foi para min unha revolución visual, con tódalas especies mediterráneas ou endémicas do lugar que se ollaban aquí e acolá, tan diferentes das da nosa riqueza atlántica. Non me chegaron a nada os dous días de experiencia fotográfica.
¿Cales son os teus próximos retos fotográficos?
Aparte de voltar á Serra da Enciña da Lastra, teño pensado coñecer este ano a Devesa da Rogueirano Courel, hai unhas cantas especies, sobre todo vexetais, que me gustaría fotografar.
¿Colaboras ou colaboraches con algún medio de comunicación? ¿Fixeche algunha exposición?
Si, pero nada tocante ó medio natural. O máis próximo que fixen a este tema foi unha exposición fotográfica sobre o Prestige na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, durante eses meses tan tráxicos para o noso medio natural.
¿Colaboras en algún proxecto científico ou con algún grupo naturalista?
As miñas colaboracións actuais nesta materia, non van máis aló de facilitar citas de especies. Algunha rareza á Sociedade Galega de Ornitoloxía ou novas localizacións de plantas á USC mediante pregos de herbario.
¿Cal é a túa opinión sobre o debate na rede arredor da propiedade intelectual?
Nesa materia semella que os fotógrafos non temos dereitos, así que estamos fora de ese debate. Traballei algún tempo como fotoxornalista de deportes. Os medios non valoran o traballo dos fotógrafos. Así moita xente asombraríase ó coñecer a que prezos ridículos están a paga-las fotografías. Xa no ámeto da fotografía de natureza, os prezos das equipas son moi caros, e o tempo adicado a sacar unha soa instantánea é, polo xeral, demasiado. Os editores pensan que facer unha foto dunha especie animal ou vexetal é chegar e encher, coma se dunha rolda de prensa se tratase, e non está valorado. Outros moitos que teñen empresas relacionadas coa educación ambiental mercan as fotografías por lotes, a traveso de bancos de imaxes. Logo, hai outros que pensan que poden emprega-las fotos de calquera para os seus traballos profesionais, sen mercalas previamente, xa teño atopado xentiña desta.
Visto o visto, e coñecendo que os meus traballos non van ser remunerados coma se merecen, prefiro xestionalos eu mesmo e ofrecérllelos ó público gratuitamente, a traveso da miña web. Non tería inconveniente en facilitarlle fotografías a ONGs, como grupos ecoloxistas ou naturalistas, de feito xa ten acontecido ou que, coma sei que acontece, algúns mestres empreguen a miña páxina para facilitar o seu traballo no ensino, contra iso non vou poñer ningún inconvinte, ó contrario. Pero prefiro rexistra-las miñas fotografías evitando así atopalas fora do lugar que lles corresponde, xa que se ten dado o caso dalgunha empresiña que pretendía facer traballos remunerados empregando fotos que “apañaba” pola rede, e ao que non estou disposto é a que alguén gañe cartos co traballo de outros.
¿Que futuro lle espera á natureza galega?
Difícil pregunta… ou máis ben, difícil resposta, xa que parece que de todo o que se fai, nada é para protexer a nosa natureza. Nos últimos vinte anos creáronse Parques Naturais, un Parque Nacional e moitas zonas se integraron nunha Rede Natura de mínimos. Pero habería que deterse un momento e preguntarse si eses espazos son suficientes ou si os que hai están a ser xestionados en condicións. Si nos vinte anos anteriores o inimigo do noso medio natural foi a especulación urbanística e a eucaliptización, semella que nos vindeiros anos vai se-la industria das piscifactorías, no caso da costa, e a industria eléctrica no caso do interior. Os cargos políticos que xestionan e xestionaron o medio ambiente, carecen, polo xeral, de coñecementos na materia ou comparten carteira coa de infraestruturas, algo que é totalmente contraditorio “Per se”. Entón algo falla, o medio ambiente vende pero é mellor telo controlado.
¿Paréceche unha agresión a presencia de tantos muíños de vento nas nosas serras ou pensas que é un mal menor?
O tema das eólicas, ó igual que o das hidroeléctricas, é na nosa terra algo puramente especulativo. Certas persoas, adicáronse durante tempo a crear empresas que xestionaban a implantación de aeroxeradores ou minicentrais nos ríos. Logo, unha vez creadas revendíanas a terceiros. Un bo negocio, e sobre todo moi lucrativo. O tema non era crear enerxía senón crear cartos. Na Galiza temos excedente enerxético, porqué non se crean estas infraestruturas noutros lugares do Estado? O que está claro é que en lugar de estudar primeiro os lugares que deben ser protexidos e logo autorizar a implantación de calquera empresa en calquera lugar, primeiro se instalan as empresas e logo, co que quede libre e, si queda algo que protexer, declaramos un espazo protexido. Iso si,
declarámolo sobre papel xa que, na realidade, ningunha paraxe declarada espazo natural protexido, conta con demasiadas medidas de protección efectiva.
¿Que medidas urxentes deberían ser tomadas para paliar as consecuencias das agresións ao medio ambiente? E en concreto, que farías para preservar e mellorar as condicións do parque de Corrubedo que tan ben coñeces.
Hai na actualidade unha serie de medidas fomentadas pola Unión Europea, que non se están a tomar en serio. A Directiva Hábitats ou a Directiva Marco da Auga, establecen unha serie de mínimos que os estados comunitarios teñen que tomar para protexer determinados lugares, especies ou as augas continentais, e que son de obrigado cumprimento. Sen embargo, no noso país, e a pesares das partidas presupostares enviadas por Europa para estes fins estamos a anos luz do seu cumprimento, arriscándonos ademais a pagar cuantiosas sancións económicas. A rede natura é claramente deficitaria e non se tomaron as medidas correctoras precisas nos nosos ríos. Cumprindo estes mínimos o noso medio ambiente sairía beneficiado a curto prazo.
O Parque Natural de Corrubedo está baixo mínimos, coma tódolos espazos naturais do noso país. A pesares do seu reducido espazo (1.000Ha) é un dos lugares máis visitados da Galiza. O malo é que do alto número de visitantes, a maior parte son bañistas, que unicamente empregan este espazo como unha praia, algo que é contraditorio cun espazo natural protexido. Na tempada alta conta con 4 vixiantes a quendas, que teñen que controlar nun fin de semana calquera, a máis de 5.000 visitantes. Algo vai mal cando se concede a este espazo unha bandeira azul, con todo o que isto conleva de emprego do espazo por parte dun turismo masivo e desinteresado cara o medio natural. Por outra banda, semella que se descoñece que lugares coma Corrubedo son medios antropizados dende fai
centos de anos, e que os ecosistemas aquí presentes atopan o seu equilibrio na relación entre a natureza e o home. Na actualidade hai actividades tradicionais que se abandonaron, algo que leva tamén a mudanzas no medio.
Pero realmente Corrubedo é máis que o Parque Natural, existe tamén o L.I.C. de Corrubedo que engloba por unha banda toda a franxa costeira ate Caamaño (Porto do Son), incluíndo as lagoas de Xuño e San Pedro de Muro, e por outra banda parte da parroquia de Aguiño, ate a Punta de Couso. Deixáronse sen embargo illas neste “continiuum”. Polo sur quedou libre de protección un lugar onde se instalaron empresas conserveiras ou unha piscifactoría e onde na actualidade vaise
construír a depuradora do Concello de Ribeira, precisamente no lugar onde apareceu a única colonia continental da escasísima Linaria arenaria, e que cos seus máis 9.000 exemplares é a segunda en importancia no territorio galego. Polo norte, tamén hai unha illa de terreo non protexido, son os coñecidos como Campos de Teira, moi abondosos en orquídeas tan escasas como a Epipactis palustris, que precisamente, era o lugar proposto para a construción dunha megapiscifactoría anos
atrás.
¿Debe ser O Courel un Parque Nacional? ¿Sería un plano de sostenibilidade suficiente o turismo “ecolóxico” ou da natureza”?
Na maior parte dos casos houbo Parques Naturais que xe impuxeron pese a oposición veciñal, oposición que se comprobou co paso do tempo que non era máis que descoñecemento, alimentado moitas veces por intereses contrarios como a caza ou a especulación urbanística. Os valores naturais primaron sobre os intereses especulativos. Por iso, cando a proposta parte dos propios veciños, ou moitos deles, como no caso do Courel, O Pindo ou Os Ancares e, sendo estes lugares merecedores da catalogación, deberan estar protexidos. O despoboamento do rural faise patente sobre todo no interior, e a economía destes lugares debe procurar outras saídas, o turismo ecolóxico é un bo punto de partida, xunto coa venda de produtos artesáns ou ecolóxicos. Relativamente cerca de Galiza, no Parque Natural de Somiedo, aldeas gandeiras foron transformadas nos últimos anos en aldeas adicadas case en exclusiva ó turismo de natureza, ou a produtos ecolóxicos, é por suposto son rendibles para os seus habitantes. Agora ben, na Galiza, visto o visto nos últimos anos, declarar un espazo Parque Natural non garante a súa protección efectiva, nin tampouco que se potencien por parte das administracións certas actividades beneficiosas para o medio ou para os veciños do lugar.
Para rematar ¿Poderíasnos contar algo divertido que che teña acontecido nas túas saídas?
Ás veces un sorpréndese co “atrevemento” dalgunhas especies. Nunha ocasión ollei a un pescador sobre un penedo no medio do río. Ó pouco tempo achegóuselle un animal por detrás que subiu polo penedo e lle andaba a cheira-lo cu. Nun primeiro intre non lle din importancia, pensando que se trataba dun can que o pescador levara con el na xornada de pesca. Pero estrañeime de que o pescador levase ó can. Foi aí onde reparei en que o can non era tal, senón unha lontra curiosa. Avisei ó pescador e este asustado case vai de fociños ó río, a lontra por suposto, fuxiu do lugar. Do ataque de risa que me deu nin sequera reaccionei para facer unha foto.
Moitas gracias Xermán, moi interesantes as túas respostas que debían facer reflectir a moitos galegos e non me refiro só aos que nos desgobernan.

