Hamearis lucina (Linnaeus, 1758)

Cando a ves por primeira vez coas súas cores de ninfálido e tamaño de licénido pensas que debe ser unha Melitaea/Melicta enana pero ao achegarse o deseño das ás non cadra con ningún ninfálido e tampouco cos licénidos asi que debe ser da familia Riodinidae, como só hai un entón é Hameares lucina, perico en castelán, Duke of Burgundy (foi o primeiro a descrebela en Inglaterra e clasificouna como fritillary) en inglés e La Lucine en Francia.


Segundo Fidel Fernández-Rubio e colaboradores o nome científico ven de Hamearis, do grego (ama) = xuntamente e (ear) = primavera e lucina, do latín, diminutivo de lux = luceciña.
Ten arredor de 30 mm. de envergadura das ás e para distinguir macho de femia o mellor e reparar nas patas, o macho ten as dúas primeiras moi atrofiadas, mentras as femias teñen as seis reglamentarias, son de maior tamaño e abdome máis volumoso e hai quen diga que é de tons máis claros. O macho ten un comportamento territorial situándose nunha planta máis alta e saíndo ao paso de calquer outra bolboreta que se achegue ao seu pousadoiro mentras a femia pode facer vóos máis longos podendo establecer unha colonia alonxada.


As plantas que se citan nos libros como nutricias son P. vulgaris e Primula veris pero o máis probable é que na Galiza sexa P. vulgaris. Pasa o inverno como pupa perto da planta nutricia.
O lugar para vela sería nas clareiras dos bosques caducifolios, nas ribeiras e nos prados húmidos de montaña onde medre a planta. Na Galiza está presente entre os meses de Maio e Xuño no Suroeste da provincia de Lugo, no Noroeste e Sur de Ourense. Ouvín falar dunha cita na Mariña coruñesa pero descoñezo todo: autor e localización.
Fotografías de Maio e Xuño de 2013 feitas no Sur de Ourense
Fidel Fernández-Rubio, Aurelio Íñigo Torre y Antonio Jesús Fernández y Fernández-Arroyo no seu artigo da S.E.A., Las lenguas clásicas en los ropalóceros (Lepidoptera) del Paleártico Occidental; Bol. S.E.A., no 28 (2001) : 151—157.
PD: Por comunicación persoal indícame que a entrada contén algunhas inexactitudes. Como por exemplo que está presente nas catro provincias galegas, que foi citada por primeira vez por Eliseo Fernández Vidal hai 35 anos e que nas Mariñas é máis frecuente do que poda parecer aínda que localizada.
Moitas gracias pola aclaración.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.