Callophrys avis

Chapman’s Green Hairstreak lle chaman os ingleses e os franceses Thècle de l’arbousier. En España Cejirrubia e os galegos pois poderían chamarlle Cellarrubia. O nome científico Callophrys, viría do grego (kallos) = fermosura e (ophrys) e cellas; avis, do latín, xenitivo de avis = dos paxaros. E será…se non hai quen diga o contrario.
Ten perto de 30 mm de envergadura, voa de Marzo a Maio, é de cor verdosa con fondo de cor chocolate, e a beira dos ollos ten esa cor rubia característica, ao igual que na punta das antenas, que a distingue da C. rubi. Sempre derredor da planta nutricia das eirugas, o érbedo (borrachito lle chamaban en Fonsagrada), mas non vaiades pensar que por haber a planta vai haber bolboreta. Os franceses din que tamén se poden alimentar de Salvia verbenaca, Viburnum tinus et Coriaria myrtifolia. A cuestión é que esta bolboreta leva mal o cambio de cuberta vexetal, por iso, incendios e silvicultura acabarán con ela se non se pon remedio. Está entre as especies a protexer a proposta de diferentes expertos ao Ministerio de Medio Ambiente, por ser unha especie rara ou de distribución restrinxida.
O adulto gosta de chuchar á tardiña no Asphodelus albus e na Lavandula stoechas.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

0 respostas a Callophrys avis

  1. Ola Xosé, esta avis si que a apañaches ben, ao ir só é cando se conseguen as mellores imaxes, non si, expléndida
    Saúdos

  2. xisbe di:

    Ola Xosé Ramón, o barullo e o moito movimento non son bons para fotografar as bolboretas, hai que ir máis calmos e sen presa.