Entrevista a Suso Requejo (I)

Suso Requejo é un recoñecido entomólogo galego amateur, colaborador de ANABAM, AEGA e S.E.A., Biodiversidad virtual (e de algunha máis que descoñezo), publica artigos científicos en diversas revistas, coautor do proxecto LEPI-ATLAS e administrador do grupo de Flickr Bolboretas galegas, entre outras cousas.
Coñecino (virtualmente) fai uns anos cando se puxo en contacto comigo, por unha fotografía que eu publicara, para pedirme datos (data, lugar). Desde entón colaboro enviando datos ao seu proxecto de catalogación e distribución das bolboretas galegas.

Descoñezo o autor do retrato, Suso dis que que non está interesado en poñer o seu nome

¿Non sei se queres comenzar facendo unha pequena presentación persoal?

Nacín en Sanxenxo, fai 42 anos. Pero xa case levo media vida en Pontevedra, onde resido coa miña muller e os meus dous fillos xemelgos. De pequeno críeme nunha casa rodeada de bosques e leiras, nunha época na que non existían as consolas nin os computadores e a televisión só tiña dúas canles con pouca programación infantil; afortunadamente. Por iso gran parte do meu tempo adicábao a trotear e explorar estas paraxes próximas ao meu fogar; ben só, ou con algún dos outros tres únicos nenos que vivían pola zona. Está claro que este constante contacto directo coa natureza acabaría marcando a miña vida, e a medida que ía medrando, a miña curiosidade e amor por ela íase incrementando paulatinamente.
Como xa dixen, desde ben pequeno atraíame a natureza en xeral, pero sempre sentín unha fascinación especial polos insectos, os cales observaba na miña casa dentro de tarros ou caixas de zapatos. Chamábame moito a atención a gran cantidade de formas e cores que podían amosar e como eran capaces de adaptarse a calquera tipo de lugar ou ambiente. Cos anos esta observación e curiosidade foise incrementando e empecei a procurar a forma de mantelos e crialos en cautividade: fásmidos, blátidos, arácnidos, miriápodos, eirugas de lepidópteros… calquera tipo de invertebrado, do que tivese suficiente información como para poder mantelos con éxito, convertíase no meu obxectivo. Cheguei a ter un minizoo na miña casa, que grazas ao pequeno tamaño dos seus habitantes non ocupaba moito máis do que era un moble andel. Iso si, dende o chan ata o teito.
Por desgraza non descubrín a entomoloxía “clásica” ata ben tarde, cando contaba con 25 ou 26 anos. Un amigo da miña irmá, estudante de bioloxía, ensinoume un día a súa pequena colección de insectos e a metodoloxía, bibliografía e materiais básicos para poder iniciarse nun mundo que me acompañou ata hoxe, e que espero non ter que deixar nunca. É por isto que, como a gran maioría das persoas que coñezo adicadas á entomoloxía faunística na Península Ibérica, a miña actividade entomolóxica é totalmente amateur e a miña formación na materia completamente autodidacta.

¿Porqué te interesas especialmente polos lepidópteros?

O meu interese primitivo foron todos os insectos en xeral. De feito, cando comecei coa entomoloxía, adicábame aos lepidópteros, coleópteros e fásmidos. Pero cando un vai profundando no tema, e decide tratar de ser o máis serio e rigoroso posible co seu traballo, descobre que non queda máis remedio que especializarse; farían falta moitas vidas, e miles de euros en bibliografía e material, para poder adicarse a todas as familias de insectos existentes soamente en Galicia.
Inclineime polos lepidópteros por ser a miña orde favorita desde sempre, dado que naquel momento non tiña moita información ou referencias á hora de decidirme por un ou outro grupo. Agora mesmo, para os que queiran animarse a empezar nisto da entomoloxía, aconsellaríalles que se decantasen por ordes ou familias pouco estudadas, escapando das clásicas e máis demandadas. Os principios quizais sexan máis duros, dado que atoparán moita menos información e axuda inicial. Pero con traballo, tesón e esforzo, o futuro depararalles enormes alegrías e satisfaccións persoais, posto que hai moitísimo máis por descubrir para a ciencia ou Galicia. En Galicia hai familias ou xéneros que practicamente non os traballa ninguén, incluso dentro dos lepidópteros ou coleópteros, os grupos máis estudados con diferenza.

¿Teño entendido que ademáis dos lepidópteros tés un interés especial nos ascaláfidos? ¿Cales son as especies presentes en Galicia?

Os ascaláfidos aparecían voando en moitos prados durante os meus traballos de campo. Chamábanme moito a atención pola súa morfoloxía, asemellábanme unha especie de híbrido entre unha bolboreta e unha libeliña. Comecei a interesarme por eles e a procurar información e datos de Galicia.
É unha familia relativamente pequena. En Europa só hai citadas dezaseis especies, das cales nove voan na Península Ibérica. En Galicia polo momento só hai citadas catro especies, con moi distinta distribución: Libelloides longicornis, L. hispanicus, L. baeticus e L. coccajus.

Fai un ano, na entrevista, Rafael Estévez falaba de 18.000 rexistros dos cais máis de 7.000 eran citas non repetidas dentro de cada cuadrícula UTM 10×10. ¿Como vai o Lepi-Atlas?

Pois nestes momentos a base conta con preto de 21.800 rexistros, dos cales máis de 8.100 son datos non repetidos para a mesma cuadrícula e especie. Son unhas cifras máis que aceptables co tempo que leva o proxecto en marcha. Este está desenvolvido unicamente por dúas persoas e de forma totalmente particular. Non temos ningún tipo de axuda, subvención ou financiamento de estamentos públicos ou privados, soamente a aprobación do proxecto por parte da Xunta de Galicia e a concesión dos imprescindibles permisos para os estudos de campo e gabinete. Ademais só podemos dedicar a el unha parte do noso tempo libre, que por desgraza non adoita ser moito.
Nestes momentos existen xa publicados proxectos moi semellantes ao noso para outros territorios da Península. Algúns deles presentan o dobre de extensión de terreo estudado, e mostran menos da metade de rexistros dos que nós xa dispomos.

¿Con cantos colaboradores contades?

A verdade é que aínda non me puxen a facer un censo exacto do número de colaboradores que facilitaron datos para o proxecto, pero xa se aproxima ás cen persoas con toda seguridade. Isto é algo que nos alegra e énchenos de orgullo, xamais pensamos que fose posible contaxiar a tanta xente o proxecto e ilusión de dous simples amantes das bolboretas. Esperamos estar á altura das súas expectativas co resultado final, o seu apoio motívanos aínda máis para facer algo que lles guste e realmente axude ao coñecemento e protección da lepidopteroloxía galega.
Hai xente que achegou un só rexistro nun momento puntual. Pero hai colaboradores, nalgúns casos xa amigos, que facilitan datos todos os anos, superando algúns amplamente os cincocentos rexistros en todo este tempo. Tamén recibimos datos dalgúns colegas entomólogos de forma totalmente desinteresada, algo que é aínda máis de agradecer polo valor que sabemos que teñen para eles. Achegaron das súas propias bases citas de especies, ou zonas xeográficas, que non traballan. Ou as de especies que, por ser moi comúns e sobradamente coñecidas, é moi probable que non publicasen en traballos futuros, e consideraban que eran moito máis importantes e valiosas para o noso proxecto. Todos e cada un destes colaboradores teñen o noso máis sincero agradecemento pola súa desinteresada axuda e apoio.

Seica ademáis interésaste a nivel persoal polas nocturnas.¿Pensas facer algún tipo de catálogo ou atlas de Heteróceros?

Eu traballo a orde lepidóptera en xeral, aínda que descarto algunhas familias que son moi complicadas e outras só tócoas de forma puntual. Trato de rexistrar datos e estudar todas as especies que me é posible, pero é difícil poder profundar en todas as existentes; son demasiadas, e algunhas extremadamente difíciles, para abarcalas a todas.
Publicar un atlas de distribución de tódolos heteróceros galegos paréceme agora mesmo unha utopía para min. As bolboretas diúrnas galegas (Ropalóceros) roldan as 150 especies, e o proxecto LEPI-ATLAS, que as abarca, esta sendo un traballo enorme que require dun gran esforzo e sacrificio persoal. Absorbeu practicamente todo o tempo dispoñible que tiña para a entomoloxía nos últimos cinco anos, e aínda farao polo menos un par deles máis. As nocturnas galegas, se contamos macros e micros, son con total seguridade dez veces máis como mínimo. Non creo que eu me embarque en semellante viaxe, nin só nin en grupo.
As miñas aspiracións neste campo é poder ir axudando no coñecemento das mesmas, achegado grans de area á biodiversidade coñecida ou á súa distribución. Ben publicando novas especies ou subespecies para o catalogo galego, ben facendo algún censo sobre as especies existentes nunha zona concreta do noso territorio.

Ves de publicar un traballo moi interesante con F. Gil e R. Estévez sobre H. T. gallaeci. ¿Tedes máis datos, sabedes si é especie nova ou subespecie?

Remitimos mostras para estudo e extracción de ADN a unha das maiores expertas no xénero Hyles, a Dra. Anna Hundsdörfer. Xunto cun dos seus colaboradores están secuenciando o ADN mitocondrial e nuclear das distintas especies e subespecies existentes, para poder realizar unha revisión e reorganización completa do xénero a nivel mundial.
Polo momento non temos resultados concretos, pero recibimos noticias bastante alentadoras, aínda que non definitivas, que se achegan ás nosas teorías sobre a posible presenza desta especie no noso territorio e a separación xeográfica con respecto a outras subespecies. Haberá que espera ás conclusións definitivas dos investigadores para saber se aceptan e confirman esta subespecie que describimos. Ou ata, quen sabe, súbana a especie nova para a ciencia, cousa que xa me parece moito máis difícil e improbable. O que si que é certo e seguro, é que este descubrimento, sexa ao nivel que sexa ao final, é un valor engadido á biodiversidade dos sistemas dunares galegos. Outro motivo para tratar de conservar e protexer a gran cantidade deles que gozamos a todo o longo das nosas costas.

Aparte do Lepi-Atlas, ¿estás facendo algún outro traballo do que nos podas adiantar algo?

Estamos preparando varios traballos faunísticos que pronto comezaran a ver a luz, onde presentaremos algúns dos descubrimentos máis relevantes que obtivo o proxecto LEPI-ATLAS en todo este tempo. Fai unhas poucas semanas xa comezamos este labor de divulgación cunha primeira publicación na revista galega AEGA, onde se fixo unha revisión completa da familia Hesperiidae en Galicia. Asinámola xunto cos entomólogos e amigos Xosé Lois Rey Muñiz e Ángel Blázquez Caselles.
A nivel particular teño pendente de realizar para ANABAM unha guía das bolboretas diúrnas do Baixo Miño. Practicamente xa están rematadas as labores de campo e laboratorio, só quedan uns pequenos flocos. Espero poder empezar co borrador este mesmo ano.

¿Cal dos Rhopalóceros se che resiste e aínda non observache?

Pois hai varias especies que nunca vin en persoa, pero isto non me produce ningún tipo de obsesión, non é o meu principal obxectivo dentro da entomoloxía. Hai xente que se centra única ou principalmente neste tipo de metas persoais, cousa que eu respecto profundamente, pero eu non as teño como obxectivos principais nas miñas saídas, penso que tarde ou cedo me cruzarei con elas. Non vou negar que ao principio si que trataba de atopar especies novas para min, é o usual nos inicios. Pero aos poucos, a medida que profundaba na entomoloxía, interesábame máis os obxectivos globais que os individuais. É dicir, o máis importante agora para min é que se coñeza, coa maior precisión posible, a biodiversidade existente e a súa distribución; independentemente de que un mesmo poida ver ou non devanditas especies.
Por exemplo, no caso que me preguntas, hai especies que puidemos xa confirmar a súa presenza para o proxecto -ben porque as localizou Rafa ou porque temos material inequívoco obtido por un colaborador-, pero que eu aínda non vin directamente no campo. Estas especies, que indubidablemente espero ver en voo algún día, son agora mesmo menos importantes para min que outras que tampouco puiden ver, pero que tampouco ninguén máis as puido confirmar aínda desde a súa publicación. Algunhas delas teñen máis de vinte ou trinta anos de antigüidade e non está aínda do todo claro que voen no noso territorio, necesitan de confirmacións que aclaren a súa existencia. Como exemplos podería pór entre algunhas outras: Cupido osiris, Euchloe tagis, Euphydryas desfontaini, Pieris mannii, Muschampia proto ou Hipparchia fagi. Se nos próximos anos non se conseguen novas citacións de devanditas especies, haberá que pensar en eliminalas dos catálogos galegos futuros, non se poden arrastrar este tipo de citas nas publicacións polos séculos dos séculos. Son partidario de propor un tope de tempo máximo para confirmar unha especie e no caso de que non volva citarse en devandita marxe de décadas débese pensar seriamente en descartalas ata un posible novo redescubrimento.

¿Fas algún tipo de colección?

Como practicamente a totalidade dos entomólogos, manteño unha colección científica con exemplares tipo para estudo, comparación e divulgación. Isto é necesario, e nalgunhas especies, sobre todo nocturnas, imprescindible, se se quere ter unha segura comparación e identificación de moitas especies. Pero nada que ver coas antigas e enormes coleccións que mantiñan os nosos entomólogos ilustres, compostas nalgúns casos por series de centos de exemplares para unha soa especie. Agora, na maioría dos casos, é suficiente con manter un número moito máis limitado de exemplares.

…(Continuará)

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.