Glosario

Despois do exemplo do post anterior poño unha serie de “palabros” utilizados en entomoloxía, e en lepidopteroloxía en particular, co seu significado. Deste xeito a partir de agora debería ser capaz de falar das bolboretas con máis propiedade aínda que, como xa teño dito outras veces, este é un blog de base e fin divulgativa, non científica. E digo isto último cando aínda non hai moito lin nunha referencia a este blog que utilizaba moitos termos científicos. Algo que a todas luces nin é certo nin quere selo.

Aberración: Individuo con deseño anormal de orixe xenético ou por interacción co medio.

As dúas ás polo reverso dun exemplar aberrante de Euphydryas aurinia.

Alopátricas: Dúas ou máis especies que teñen áreas de distribución separadas.
Univoltino, Bivoltino, Trivoltino,…Polivoltino: Indica o número de xeracións anuais dunha especie.
Clina: Etimolóxicamente é unha verba que indica pendente ou inclinación. Xenéticamente representa o cambio gradual de rasgos fenotípicos dunha mesma especie por influxo e/ou condicións medioambientais. Pódese entender como unha mudanza xenética dunha población xeográfica reducida de individuos por adaptación ao medio, aínda que non sempre implica unha relación causa/función. Tamén se pode aplicar a un cambio equivalente na proporción dos individuos con dúas ou máis formas distintivas.
Diapausa: Periodo de inactividade no desenrolo larvario de algúns insectos, durante o cal prodúcese unha disminución do metabolismo e, como consecuencia, a interrupción do proceso embrionario, normalmente para sobrevivir a condicións ambientais desfavorabeis.
Estivación: Estado de inactividade durante o período de máis calor ou seca.
Fenotipo: Aspecto que ten un organismo como resultado da interacción do seu xenotipo co medio ambiente.
Forma: unidade taxonómica aplicable a variacións ecolóxicas, estacionais ou sexuais. (Forma nominal é a que ten os caracteres do especimen tipo).

Na Colias crocea hai a forma nominal (esquerda) e femia forma helicina (dereita).

Hibernación: insectos (en forma de ovo, larva, crisálida ou adulto) que permanecen en estado inactivo durante o inverno.
Híbrido: descendente dun apareamento de especies diferentes.
Melanismo, forma melánica: Pigmentación negra/escura máis acusada.

Lycaena alciphron melánica (drta.)

Oligófaga: que se alimenta dun único xénero de plantas (no caso das bolboretas).
Poboación: individuos que viven coa suficiente proximidade como para conservar un xenotipo uniforme.

A Callophrys avis é unha especie que depende exclusivamente do Arbutus unedo como tamén acontece coa Charaxes jasius

Polífaga: que se alimenta de varias plantas nutricias.
Polimorfismo: dise da presencia de dúas ou máis formas dunha especie nunha mesma población.
Poliploide: especie ou individuo cuia dotación cromosómica é un múltiplo de X maior que 2X.
Simpátricas: dúas ou máis especies que viven no mesmo hábitat e que son capaces de atoparse ou incluso de cruzarse entre elas.
Subespecie: individuos dunha determinada especie que teñen en común uns caracteres morfolóxicos polos cales se asemellan entre sí e que os distinguen dos das demáis subespecies. Teñen que ter un ou máis caracteres que os diferencien e que se manifesten de forma constante.
Taxón: do grego ταξις, (taxis), ordenamento. É un grupo de organismos emparentados, que nunha clasificación dada foron agrupados, asignándolle ao grupo un nome en latín, unha descrición, e un “tipo”, de forma que o taxón dunha especie é un espécime ou exemplar concreto. Con outras palabras: unidade sistemática que designa un nivel xerárquico na clasificación dos seres vivos, como a especie, o xénero, a familia, a orde e a clase.
Xinandromorfo: Individuo que ten a un tempo caracteres de macho e de femia. Pode ser unha asimetría bilateral, unha á con deseño masculino e a outra feminino, ou pode ser un mosaico no que os caracteres están mixturados.

Polyommatus icarus no que a parte esquerda correspondería a un macho e a dereita a unha femia (v). Nesta especie non é infrecuente atoparse ás veces con femias que teñen o anverso das dúas ás de cor azul, cor propia do macho. Foto da wiki.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.