Formas, subespecies, taxóns,…

Esta entrada vai relacionada coa que virá a continuación.
Esta Coenonimpha é un satirino bastante común en todo o país con varias xeracións ao longo do ano e que presenta aspectos diversos en función da época e do medio. A mostra é bastante sesgada porque non presento individuos de altitude nin de perto do nivel do mar e son case exclusivamente da zona onde vivo coa excepción da foto da Terra Chá. Sei que mirando máis atoparía algunha do Courel ou Ancares, ou de Abril ou de Setembro, pero as que apareceron non son da mínima calidade requirida que desexo. Agradecía que calquera de vos me enviase exemplares de outras localizacións e datas para presentalas e poder ver se hai diferencias.


Ao que vamos.¿Vendo este exemplo diriades que estamos ante formas variadas, distintas subespecies ou diferentes taxóns?
Clicade nas imaxes para agrandalas.

Actualización 13/03/2013:
Este tema das formas, subespecies é demais é un tema bastante controvertido e que supera con moito os meus limitados coñecementos e experiencia. É por iso que contactei con unha autoridade no tema, Eliseo H. Fernández Vidal, que ademais de amigo é a maior autoridade sobre as bolboretas galegas. Penso que a súa resposta está mellor incluída como colofón da entrada que dentro dos comentarios.
Asimesmo coloco as fotografías enviadas por César e Jose.


Fotos cedidas por César Ayres de ASHEGA


Fotos cedidas por Jose Otero.

Qué tal Xisbe, alégrome que volvas polos teus foros.

As fotos que nos presentas de seis Coenonympha pamphilus amosando os seus reversos alares, certamente variables en marcas e ocelación, non representan outra cosa que o gran polimorfismo que amosa esta especie respecto a estas, así como a outras características fenotípicas externas.


Esta especie, ocupa unha gran área de distribución xeográfica, que abarca toda Europa, parte de Asia e o norte de África. É politípica, é decir, presenta varias subespecies moi ben definidas tanto biolóxica como xeograficamente, pero en Galicia todas as súas poboacións se adscriben ao mesmo taxón subespecífico que, sen maiores reparos, correspóndese coa subespecie tiponominal (pamphilus Linnaeus, 1758).

En Galicia constitúe un dos máis comúns ropalóceros, ocupando todo tipo de zonas herbáceas desde a costa até bastante enriba nas montañas. Todas as súas poboacións están intercomunicadas, é dicir, existe intercambio xenético entre elas, non existindo ningunha barreira que as manteña ailladas.

A súa gran variabilidade fenotípica débese a un elevado polimorfismo intra e interpoblacional (moi frecuente entre todas as especies do seu xénero), dimorfismo sexual discreto e estacional relevante. Tamén a que, a causa dese gran polimorfismo, pode presentar ecofenotipos moi variados dependendo do tipo de substrato e bioclima.

Da Península Ibérica describíronse varias subespecies que non resisten unha análise rigorosa e multitude de formas infrasubespecíficas que non teñen significación taxonómica algunha. Con unha excepción a f. lyllus Esper, [1805], descrita de Portugal e que se tivo historicamente incluso como especie aparte, que está presente en gran parte das poboacións ibéricas, incluídas as galegas sobre todo canto máis ao sur.

Entre as fotos que amosas poden identificarse varias das formas (entre casi a centena delas descritas) ás que autores clásicos, como Verity y Tutt, deron nome. Pero como che digo non teñen significación taxonómica nin biolóxica algunha.

Eliseo H. Fernández Vidal

Moitas grazas a César Ayres, Jose Otero e Eliseo H. Fernández Vidal.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Formas, subespecies, taxóns,…

  1. Luis Álvarez di:

    Hola Xisbe:
    Igual es una pregunta trampa pero yo pienso que no es más que el hecho de que estamos ante una especie muy polimórfica. Con su prima la arcania creo que pasa lo mismo, que incluso en un mismo sitio (o en localidades muy próximas) te encuentras ejemplares ligeramente diferentes entre si. En BV tengo 2 C. pamphilus y 2 C. arcania de localidades muy cercanas y pasa exactamente eso.
    Un saludo,
    Luis

  2. xisbe di:

    Si que é iso Luis, é o que ven decindo Eliseo, pasa practicamente con todas as Coenonymphas.
    Unha alegría volver a saber de ti.
    Grazas polo comentario

Os comentarios están pechados.