Megera

A Lasiommata megera ten sido algún ano a primeira bolboreta que vin pero non a primeira que fotografei. En Castela chámanlle salta cercas, wall brown en inglés e para os … En galego xa vin varias propostas no mesmo estilo que estas anteriores. O bon ven agora. Cando fixen a entrada desta bolboreta no blog non din atopado a información que ven a seguir e que a min me resulta simpática:

Ignórase o que lle fixo esta bolboreta a Linneo, anque sería interesante descubrilo, posto que Megera é a representación mitilóxica do odio, que tiña como funcións enfrentar aos homes para que se mataran entre eles e atormentar logo no Hades a quenes mataran pola súa causa.

Antonio Torralba Burrial. Implicaciones Mitológicas de la Nomenclatura Lepidopterológica. Bol. S.E.A., nº 22 (1998): 35-38

Imaxino ao tal Don Carl von Linneo correndo atrás da acastañada, brincando sebes e botando pestes porque a bolboretiña no para quieta e chouta un muro e pasa para a leira do lado e cando está chegando ela pasa o valado e o ben mantido Don Carlos, botando os fígados por canso atrás dela, xura en arameo e di algunha barbaridade en sueco que até desperta ao demo.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.