De crisálida a bolboreta visto en imaxes de scanner 3-D

Time-lapse da metamorfose de crisálida a bolboreta (vídeo)
Dous equipos de científicos capturaron unha serie de imaxes que amosan a metamorfose dentro das crisálidas. Ambos equipos utilizaron unha técnica chamada micro-CT, na que os raios X capturan seccións transversais dun obxeto que se pode combinar nun modelo virtual en tres dimensións.
Ligazóns que poden aportar máis información:
Phenomena, National Geographic
rsif, Royal Society Publishing
Scientific American

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en De crisálida a bolboreta visto en imaxes de scanner 3-D

Análisis del género Pseudophilotes Beuret, 1958 (Lepidoptera, Lycaenidae) en Galicia (N. O . Península Ibérica )

AEGA acaba de aceptar para o seu volume nº8 o artigo de Jesús Requejo Camiña & Rafael Estévez Rodríguez sobre o xénero Pseudophilotes na Galiza, no que dan a coñecer a presencia de Pseudophilotes panoptes
(Hübner, 1813) na Serra da Enciña da Lastra. É decir P. baton está presente nas catro provincias e P. panoptes só en Rubiá.


Parabéns para os autores.
A foto de cima corresponde a Pseudophilotes baton e a de abaixo a Pseudophilotes panoptes, ambas fotografías feitas en Rubiá (2010,2011).

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Análisis del género Pseudophilotes Beuret, 1958 (Lepidoptera, Lycaenidae) en Galicia (N. O . Península Ibérica )

Megera

A Lasiommata megera ten sido algún ano a primeira bolboreta que vin pero non a primeira que fotografei. En Castela chámanlle salta cercas, wall brown en inglés e para os … En galego xa vin varias propostas no mesmo estilo que estas anteriores. O bon ven agora. Cando fixen a entrada desta bolboreta no blog non din atopado a información que ven a seguir e que a min me resulta simpática:

Ignórase o que lle fixo esta bolboreta a Linneo, anque sería interesante descubrilo, posto que Megera é a representación mitilóxica do odio, que tiña como funcións enfrentar aos homes para que se mataran entre eles e atormentar logo no Hades a quenes mataran pola súa causa.

Antonio Torralba Burrial. Implicaciones Mitológicas de la Nomenclatura Lepidopterológica. Bol. S.E.A., nº 22 (1998): 35-38

Imaxino ao tal Don Carl von Linneo correndo atrás da acastañada, brincando sebes e botando pestes porque a bolboretiña no para quieta e chouta un muro e pasa para a leira do lado e cando está chegando ela pasa o valado e o ben mantido Don Carlos, botando os fígados por canso atrás dela, xura en arameo e di algunha barbaridade en sueco que até desperta ao demo.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Megera

Euchloe crameri vs. Anthocharis cardamines femia



Se cadra isto para vós non é un problema e só con unha ollada tédelo claro, esta é a femia de A. cardamines e aqueloutra a E. crameri, pero eu non puiden, tiven que chegar á casa, mirar a guía e ¡ah!…entón decatarme de que era o que acababa de fotografar, polo visto estou perdendo facultades e coa miña teima de retratar Euchloe belemia, (a condanada continúa sen aparecer), non son capaz de identificar o que era de sobras coñecido.
O dito seguro que non tedes problema na identificación polo que o que non saiba que pregunte ou busque na guía das bolboretas.
Se queredes de maior tamaño clicade nas imaxes.
As fotos son de hoxe no Sur de Ourense.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Euchloe crameri vs. Anthocharis cardamines femia

Distribución das poblacións de Callophrys avis (Chapman, 1909) na Galiza

Aegaweb ven de aceptar para o Volume 8 o traballo de Rafael Estévez Rodríguez e Jesús Requejo Camiña,
Distribución de las poblaciones de Callophrys avis (Chapman,1909) en Galicia, no que analizan o hábitat, a distribución xeográfica e a ecoloxía das poblacións galegas deste licénido intimamente ligado ao morogueiro ou érbedo (Arbutus unedo).
Algunha localización máis hai, que eu coñeza, no sur de Ourense. ¿Para cando un artigo en galego?

Fotografada neste mes de Abril de 2013 no Sur de Ourense.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Distribución das poblacións de Callophrys avis (Chapman, 1909) na Galiza

Hyponepheles

Ao contario do artigo formas, subespecies,.. hoxe falaremos de fenotipos similares que pertenecen a especies diferentes.

Exemplar de Hyponephele (vaitisabercal), fotografado en A Gudiña en 2012.

Fai un tempo subín a Biodiversidade virtual unhas fotos de Hyponephele que mostraban o reverso en perfil e que supuxen se debían a Hyponephele lycaon máis que nada porque non tiña constancia pola obra publicada da presencia de Hyponephele lupina en Galiza (non aparece na Guía de Mariposas Diurnas de Eliseo H. Fernández Vidal e no Atlas publicado por la SEA (2004) está citada en Rubiá), aínda que de oídas coñecía a posibilidade de que alguén a tivese localizado (non son máis explícito porque realmente “non sabía”, simplemente alguén dixo que alguén a vira na zona Oriental, algo demasiado vago). Recentemente unha das fotografías foi identificada como unha Hyponephele lupina por Rafael Estévez onde tamén di que hai dúas citas (unha del mesmo) e que foi citada por primeira vez en Trevinca.

Exemplar identificado en BV como Hyponephele lycaon, fotografado en Castrelo do Val en 2011.

A Maniola jurtina é unha terceira especie que se pode chegar a confundir con estas nunha primeira ollada. Normalmente é de maior tamaño e a diferencia das femias de Hyponephele só ten un ocelo no reverso da á anterior, é decir igualiño que os machos de Hyponephele. Visto o anverso, cousa difícil, machos con un ocelo na á anterior e femias con dous mentras a Maniola ten un só.
Se xa, para quen non é experto, pode haber confusión entre Hyponephele e Maniola, non digamos entre H. lycaon e H. lupina.
Ambas especies presentan un gran dimorfismo sexual.
Entre machos e polo anverso, cousa difícil de ver, mentras a H. lycaon ten unha androconia estreita partida polas “veias” a de H. lupina é máis ancha e sen partir, segundo Tolman. Ambos machos presentan un reverso entre marrón, pardo e cincento, con un ocelo cunha pinta branca no medio na á anterior e se cadra a H. lupina presenta un aspecto máis uniforme en todo o reverso. As femias xa é caso aparte porque fálase de que son un pouco máis claras que os machos, algúns din que a zona posdiscal é máis clara que a discal, que si a á anterior é máis longa que alta.

Exemplar identificado en BV como Hyponephele lycaon, fotografado en Castrelo do Val en 2010.

Será por isto que algúns autores aseguran que a diferencia entre femias só sería posible coa análise das xenitalias e no caso dos machos sería posible vendo no anverso a disposición e forma das androconias.
¿Alguén ten fotografías dalgunha Hyponephele identificada e a podía mandar para engadir?
Agradecido por antecipado.

Imaxes de Hyponephele lycaon en Butterflies of France, Guy Padfield e en Eurobutterflies
Imaxes de Hyponephele lupina en Eurobutterflies, Butterflies of France e en Butterfly guide

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Hyponepheles

Maria Sibylla Merian

Google adica un doodle como homaxe a Anna Maria Sibylla Merian.


Artista gráfica e naturalista nacida en Alemania na metade do século XVII que estudou e pintou a metamorfose dos insectos, e en especial das bolboretas.

Na miña xuventude adiqueime a buscar insectos. Comencei coas eirugas da seda da miña cidade natal de Fráncfort. Despois establecín que a partir de outras eirugas se desenrolaban moitas das belas bolboretas diurnas, como fan os vermes da seda. Esto levoume a recoller todas as eirugas que podía atopar para observar a súa transformación.
(Metamorfosis dos insectos do Surinam, prólogo)

Fonte do texto e imaxe inferior

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Maria Sibylla Merian

Cynthia virginiensis

AEGA acaba de presentar no volume nº 8, (xa aberto a novos artículos), un artigo sobre novas citas galegas de Cynthia virginiensis (para algúns Vanessa virginiensis), escrito por Eliseo H. Fernández Vidal .


Fotos tomadas da wikipedia

Até agora a información que coñecía era a dunha captura da que falaba o mesmo autor no libro Guía de las mariposas diurnas de Galicia (supoño que se referirá a Rey Muñiz, X.L. (1986): Vanessa virginiensis (Drury) en Galicia. In Cuaderno de Caza. Cerambyx. 6: 24. ) e a das fotografías de Laura Lago Fernández e Rafael Estévez en 2008 que mostran os de ANABAM.

Publicado en Sen clasificar | 2 Comentarios

Glosario

Despois do exemplo do post anterior poño unha serie de “palabros” utilizados en entomoloxía, e en lepidopteroloxía en particular, co seu significado. Deste xeito a partir de agora debería ser capaz de falar das bolboretas con máis propiedade aínda que, como xa teño dito outras veces, este é un blog de base e fin divulgativa, non científica. E digo isto último cando aínda non hai moito lin nunha referencia a este blog que utilizaba moitos termos científicos. Algo que a todas luces nin é certo nin quere selo.

Aberración: Individuo con deseño anormal de orixe xenético ou por interacción co medio.

As dúas ás polo reverso dun exemplar aberrante de Euphydryas aurinia.

Alopátricas: Dúas ou máis especies que teñen áreas de distribución separadas.
Univoltino, Bivoltino, Trivoltino,…Polivoltino: Indica o número de xeracións anuais dunha especie.
Clina: Etimolóxicamente é unha verba que indica pendente ou inclinación. Xenéticamente representa o cambio gradual de rasgos fenotípicos dunha mesma especie por influxo e/ou condicións medioambientais. Pódese entender como unha mudanza xenética dunha población xeográfica reducida de individuos por adaptación ao medio, aínda que non sempre implica unha relación causa/función. Tamén se pode aplicar a un cambio equivalente na proporción dos individuos con dúas ou máis formas distintivas.
Diapausa: Periodo de inactividade no desenrolo larvario de algúns insectos, durante o cal prodúcese unha disminución do metabolismo e, como consecuencia, a interrupción do proceso embrionario, normalmente para sobrevivir a condicións ambientais desfavorabeis.
Estivación: Estado de inactividade durante o período de máis calor ou seca.
Fenotipo: Aspecto que ten un organismo como resultado da interacción do seu xenotipo co medio ambiente.
Forma: unidade taxonómica aplicable a variacións ecolóxicas, estacionais ou sexuais. (Forma nominal é a que ten os caracteres do especimen tipo).

Na Colias crocea hai a forma nominal (esquerda) e femia forma helicina (dereita).

Hibernación: insectos (en forma de ovo, larva, crisálida ou adulto) que permanecen en estado inactivo durante o inverno.
Híbrido: descendente dun apareamento de especies diferentes.
Melanismo, forma melánica: Pigmentación negra/escura máis acusada.

Lycaena alciphron melánica (drta.)

Oligófaga: que se alimenta dun único xénero de plantas (no caso das bolboretas).
Poboación: individuos que viven coa suficiente proximidade como para conservar un xenotipo uniforme.

A Callophrys avis é unha especie que depende exclusivamente do Arbutus unedo como tamén acontece coa Charaxes jasius

Polífaga: que se alimenta de varias plantas nutricias.
Polimorfismo: dise da presencia de dúas ou máis formas dunha especie nunha mesma población.
Poliploide: especie ou individuo cuia dotación cromosómica é un múltiplo de X maior que 2X.
Simpátricas: dúas ou máis especies que viven no mesmo hábitat e que son capaces de atoparse ou incluso de cruzarse entre elas.
Subespecie: individuos dunha determinada especie que teñen en común uns caracteres morfolóxicos polos cales se asemellan entre sí e que os distinguen dos das demáis subespecies. Teñen que ter un ou máis caracteres que os diferencien e que se manifesten de forma constante.
Taxón: do grego ταξις, (taxis), ordenamento. É un grupo de organismos emparentados, que nunha clasificación dada foron agrupados, asignándolle ao grupo un nome en latín, unha descrición, e un “tipo”, de forma que o taxón dunha especie é un espécime ou exemplar concreto. Con outras palabras: unidade sistemática que designa un nivel xerárquico na clasificación dos seres vivos, como a especie, o xénero, a familia, a orde e a clase.
Xinandromorfo: Individuo que ten a un tempo caracteres de macho e de femia. Pode ser unha asimetría bilateral, unha á con deseño masculino e a outra feminino, ou pode ser un mosaico no que os caracteres están mixturados.

Polyommatus icarus no que a parte esquerda correspondería a un macho e a dereita a unha femia (v). Nesta especie non é infrecuente atoparse ás veces con femias que teñen o anverso das dúas ás de cor azul, cor propia do macho. Foto da wiki.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Glosario

Formas, subespecies, taxóns,…

Esta entrada vai relacionada coa que virá a continuación.
Esta Coenonimpha é un satirino bastante común en todo o país con varias xeracións ao longo do ano e que presenta aspectos diversos en función da época e do medio. A mostra é bastante sesgada porque non presento individuos de altitude nin de perto do nivel do mar e son case exclusivamente da zona onde vivo coa excepción da foto da Terra Chá. Sei que mirando máis atoparía algunha do Courel ou Ancares, ou de Abril ou de Setembro, pero as que apareceron non son da mínima calidade requirida que desexo. Agradecía que calquera de vos me enviase exemplares de outras localizacións e datas para presentalas e poder ver se hai diferencias.


Ao que vamos.¿Vendo este exemplo diriades que estamos ante formas variadas, distintas subespecies ou diferentes taxóns?
Clicade nas imaxes para agrandalas.

Actualización 13/03/2013:
Este tema das formas, subespecies é demais é un tema bastante controvertido e que supera con moito os meus limitados coñecementos e experiencia. É por iso que contactei con unha autoridade no tema, Eliseo H. Fernández Vidal, que ademais de amigo é a maior autoridade sobre as bolboretas galegas. Penso que a súa resposta está mellor incluída como colofón da entrada que dentro dos comentarios.
Asimesmo coloco as fotografías enviadas por César e Jose.


Fotos cedidas por César Ayres de ASHEGA


Fotos cedidas por Jose Otero.

Qué tal Xisbe, alégrome que volvas polos teus foros.

As fotos que nos presentas de seis Coenonympha pamphilus amosando os seus reversos alares, certamente variables en marcas e ocelación, non representan outra cosa que o gran polimorfismo que amosa esta especie respecto a estas, así como a outras características fenotípicas externas.


Esta especie, ocupa unha gran área de distribución xeográfica, que abarca toda Europa, parte de Asia e o norte de África. É politípica, é decir, presenta varias subespecies moi ben definidas tanto biolóxica como xeograficamente, pero en Galicia todas as súas poboacións se adscriben ao mesmo taxón subespecífico que, sen maiores reparos, correspóndese coa subespecie tiponominal (pamphilus Linnaeus, 1758).

En Galicia constitúe un dos máis comúns ropalóceros, ocupando todo tipo de zonas herbáceas desde a costa até bastante enriba nas montañas. Todas as súas poboacións están intercomunicadas, é dicir, existe intercambio xenético entre elas, non existindo ningunha barreira que as manteña ailladas.

A súa gran variabilidade fenotípica débese a un elevado polimorfismo intra e interpoblacional (moi frecuente entre todas as especies do seu xénero), dimorfismo sexual discreto e estacional relevante. Tamén a que, a causa dese gran polimorfismo, pode presentar ecofenotipos moi variados dependendo do tipo de substrato e bioclima.

Da Península Ibérica describíronse varias subespecies que non resisten unha análise rigorosa e multitude de formas infrasubespecíficas que non teñen significación taxonómica algunha. Con unha excepción a f. lyllus Esper, [1805], descrita de Portugal e que se tivo historicamente incluso como especie aparte, que está presente en gran parte das poboacións ibéricas, incluídas as galegas sobre todo canto máis ao sur.

Entre as fotos que amosas poden identificarse varias das formas (entre casi a centena delas descritas) ás que autores clásicos, como Verity y Tutt, deron nome. Pero como che digo non teñen significación taxonómica nin biolóxica algunha.

Eliseo H. Fernández Vidal

Moitas grazas a César Ayres, Jose Otero e Eliseo H. Fernández Vidal.

Publicado en Sen clasificar | 2 Comentarios