Lygistopterus sanguineus (Linnaeus, 1758)

Phylum Arthropoda/Subphylum Hexapoda/Clase Insecta/Orden Coleoptera/Suborden Polyphaga/Infraorden Elateriformia/Superfamilia Elateroidea/Familia Lycidae/Gen. Lygistopterus Mulsant 1838/

Os Lycidae teñen o corpo alongado, son de cores vistosas, preferentemente bermellas, e teñen na hemolinfa substancias tóxicas (ácido licídico, pirazinas) que os protexen dos depredadores. Viven en masas forestais de folla caduca onde as larvas están na madeira podre e se alimentan de larvas de insectos xilófagos, os adultos é máis doado velos en zonas húmidas e asombradas así como nas flores, de prefencia umbelíferas. Na península ibérica atópanse 4 xéneros desta familia: Benibotarus, Dictyoptera, Lygistopterus e Pyropterus, dos que penso que só o Lygistopterus, especie Lygistopterus sanguineus, está presente en Galiza. En Aegaweb está citado na provincia de Lugo (Bahillo & López-Colón (2002)) pero non penso que este rexistro que presento sexa a único coñecido da provincia de Ourense; séxao ou non, tanto ten, é unha máis. É común en case toda Europa en zonas entre o nivel do mar e 2000 metros de altitude.


Até que non foi identificado en Biodiversidade virtual pensei que era un cerambícido.
As fotografías están feitas o 24/07/2012 no concello de A Gudiña.

Actualización 06/03/2013: Fernando Prieto de Aegaweb faime chegar este artigo de Javier Pérez Valcárcel (Presencia de Benibotarus alternatus (Fairmaire, 1856) (Coleoptera:Lycidae) en un soto caducifolio del área periurbana de Ferrol, A Coruña (N.O.de la Península Ibérica) sobre a presencia de outro lícido na Galiza, e outro artigo de 2003: Nuevos registros de lícidos (Coleoptera: Lycidae) para Galicia (N.O. de la Península Ibérica), de Javier Pérez Valcárcel & Fernando Prieto Piloña.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Lygistopterus sanguineus (Linnaeus, 1758)

Cerocoma schaefferi (Linnaeus 1758)

Phylum ARTHROPODA/Subphylum HEXAPODA/Clase Insecta/Orden Coleoptera/Suborden Polyphaga/Infraorden Cucujiformia/Superfam. Tenebrionoidea/Familia Meloidae/Subfamilia Meloinae Ganglbauer, 1907/Tribu Cerocomini/Gen. Cerocoma (Geoffroy, 1762)

Na Galiza, segundo podo ver en Aegaweb (Inventario → ColeopteraMeloidae), están presentes as 2 especies de Cerocoma que andan pola península ibérica.
Cerocoma (Cerocoma) schaefferi (Linnaeus, 1758); en Lugo e Ourense. Pardo Alcaide (1956); Capote & García-París (2001)
Cerocoma (Metacerocoma) schreberi Fabricius, 1775; en Ourense. Chapman & Champion (1907); Capote & García-París (2001)

Son coleópteros con antenas cheas de protuberancias de 9 segmentos, que se alimentan do polen e néctar das plantas, preferentemente Asteraceae y Apiaceae. Son productores de cantharidina, unha substancia irritante para pel e mucosas, que en algunha época tiña fama como afrodisíaco (Roald Dahl fala dela nunha divertida novela Mi tío Oswald). A diferencia entre un e outro está na forma das antenas e na cor do abdomen que no C. schreberi é alaranxado e no C. schaefferi é de cor verde. As femias non teñen antenas tan coloridas nen tan aparatosas.

O Cerocoma schaefferi ten élitros, pronoto e cabeza de cor verde metálica, entre 8 e 15 mm de lonxitude, antenas e patas de cor amarelo-alranxado (o macho porque na femia son de cor negra) e unha pilosidade branca ou amarelada.

A foto de riba é de Cerocoma sp. sen identificar (non se observan as antenas nen o abdomen para distinguir unha especie de outra), está fotografado en Monterrei en 2010 (a cor azulada non se debe a procesado fotográfico senón a incidencia da luz).
A foto de baixo sí é de Cerocoma schaefferi, feita en A Mezquita o 24/7/2012.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Cerocoma schaefferi (Linnaeus 1758)

Citas galegas, na rede, do xénero Bibio

Phylum Arthropoda/
Subphylum Hexapoda/
Clase Insecta/
Orden Diptera/

Dentro da orde Diptera hai dúas subordes
1.- Nematocera: Teñen as antenas longas compostas por numerosos segmentos. Son os mosquitos e similares.
2.- Brachycera: De antenas cortas, compostas de poucos segmentos, case sempre tres. Son as moscas.
Dentro do grupo Nematocera está a familia Bibionidae, e a esta pertence o xénero Bibio no que están incluídas as dúas especies que presento hoxe.
As especies do xénero Bibio teñen entre 3 e 15 mm. de lonxitude, son negros (os machos), e a pesar de ser Nematocera teñen as antenas cortas pero entre 7 a 10 segmentos. Presentan un gran dimorfismo sexual: os machos teñen os ollos tocándose por riba da cabeza (holópticos) e son negros mentres que os das femias son máis pequenos e están lateralmente dispostos e separados (dichópticos). O macho presenta unha espiña nas patas dianteiras que lle axuda a permanecer unido á femia durante a cópula.

BIBIO HORTULANUS

Os adultos teñen o corpo recuberto de unha pilosidade abrancazada, sendo o tórax dos machos negro e os das femias alaranxado, como este exemplar da foto. Miden entre 3-15 mm. de lonxitude.
Os ovos son alongados de cor branca-amarela. As larvas cilíndricas de cor gris terra, ápodas e coa cabeza negra, chegando a medir 15 mm. de lonxitude.
Pasados entre 2 e 5 días nacen as larvas que escavan galerías nos graos da uva, alcanzando o total desenrolo aos 15 días. Saen da uva, déixanse caer ao chan e entérranse para empupar e aos dez días aparecer como imago adulto. Ataca a moitos cultivos ademais das viñas e figueiras, como cítricos, frutais de oso, de pibeda, …
Desenvólvese mellor nos chans areosos e en zonas resgardadas do vento, así como pode morrer como larva por baixo dos 6 graos.

BIBIO LANIGERUS

De mediano tamaño, entre 6 e 8 mm. e recuberto de abundante pilosidade. As antenas teñen 8 articulacións. Os machos (como o da foto) teñen corpo e patas escuras e as femias corpo negro e patas roxas.
Atópase en campos de cultivo, xardíns e á beira dos camiños. Están activos durante os meses de Abril e Maio. Aínda que poden xuntarse moitos exemplares en leiras non se ten informado de que produciran danos nos cultivos.
As larvas son ápodas, entre gris e marrón e cabeza máis escura que se alimentan das raíces das herbas e de restos de plantas mortas.

Na rede so atopei citas escritas referidas á Galiza no traballo de M. Carles-Tolrá et al. (212 especies de dípteros de Galicia (NO España) (Insecta: Diptera) publicado no Boletín BIGA, 9, 2010: 89-108.
E en forma de citas gráficas dúas especies sin identificar:
http://diptera.info/forum/viewthread.php?thread_id=5953&pid=26594
http://www.geolocation.ws/v/I/5275891232265147521-5457140470549202146/bibio-sp-macho-fam-bibionidae-201003/en
e as citas de:
Carlos Castañeda (Bibio pomonae) e Luis Álvarez (Bibio hortulanus).

Claves esclarecedoras sobre o xénero
Lonxitude da veia cruzada nas dúas especies.
Esquema de á en Bibio

A foto do Bibio hortulanus (unha femia) está sacada en Mandín – Verín o 09/05/2012 e a do Bibio lanigerus (un macho) está feita en Monterrei o 21/04/2012.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Citas galegas, na rede, do xénero Bibio

¡Veñen aí!

Bombílido, díptero.Ven aí a bicharada e eu sen moita vontade de facer novas entradas despois de máis de 3 meses sen publicar nada novo. Non vou decir que todo voltará a ser coma antes porque nen eu mesmo sei que facer. Continúo a pensar que unha revista colectiva sobre a biodiversidade galega sería moitísimo máis interesante pero as persoas xa teñen as súas ideas, e os seus proxectos, e algo como o que propuxen no seu momento non calou, ben por falta de definición e, sobre todo, de adhesión.
O tempo dirá..e vos tamén.
Haxa saúde.
Unha aperta.
A foto é de Xullo 2012, dun bombílido (díptera) sen identificar, fotografado na ribeira do Río Pequeno, en Feces de Cima, Verín.

Publicado en Sen clasificar | 2 Comentarios

Limenitis camilla (Linnaeus, 1763)

Gosto de presentar bolboretas noviñas ou non moi voadas pero non sempre é posible. Poucas veces me topei con esta especie, que por outra parte non é rara, e si moitas coa súa parente Limenitis reducta, que se lle asemella tanto. A decir verdade só a fotografei dúas veces, e as dúas na Terra chá, e a pesar de estar presente nas catro provincias galegas (Fdez. Vidal, 1991).

Faltaba a súa presencia neste blog e aínda que moi voada aquí aparece.
Está presente en gran parte de Europa e na península ibérica só voa pola franxa norte sempre que medre a súa planta nutrícia, Lonicera periclymenum, e unha masa arbórea caducifolia por perto. Os lugares máis comúns de avistamento son camiños ou valados con silveiras, chuchando na flor ou pousada apañando sol nas follas baixas das arbres. Os meses nos que é posible vela van de xuño até agosto, dependendo da climatoloxía do ano
Para distinguila da Limenitis reducta repararemos:
Coas ás abertas na cor, xa que a L. reducta toma unha cor azulada ou negruzca e a L. camilla tira máis cara o marrón, e na ausencia da mácula branca discal en L. camilla (ás veces aparece esvaída como se pode ver nestes exemplares).
Coas ás pechadas na ringleira de puntos da zona marxinal da á posterior, simple na L. reducta e doble na L. camilla.


En castelán chámanlle ninfa de los bosques en contraposición a ninfa de los arroyos que é o nome para L. reducta. En inglés White Admiral, Kleine Eisvogel en alemán e en Francia Petit sylvain. Outros nomes científicos que recibíu son: Ladoga camilla ; Limenitis sibilla ; Papilio camilla (Linnaeus, 1764) e Papilio sibilla Linnaeus, 1767.
O nome científico provén de Limenitis, adicado a Limenitis, alcume de Venus; do griego limhnv (limen) = refuxio, porto; e camilla, adicado a Camilla, filla de Metabo, rey de Priverno¹.
As bolboretas aquí presentadas foron fotografadas na Terra Chá (2007 e 2011) agás a Limenitis reducta que serve para mostrar as diferencias do anverso da á superior que foi fotografada en Laza en 2011

¹LAS LENGUAS CLÁSICAS EN LOS ROPALÓCEROS (LEPIDOPTERA) DEL PALEÁRTICO OCCIDENTAL de Fidel Fernández-Rubio, Aurelio Íñigo Torre y Antonio Jesús Fernández y Fernández-Arroyo (Bol. S.E.A., no 28 (2001) : 151—157)

Publicado en Sen clasificar | 7 Comentarios

Sempreviva Iphiclides

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Sempreviva Iphiclides

Ornithoptera priamus

Hoxe saímonos un pouco das bolboretas galegas para reseñar unha curiosidade en relación con un excelente comunicador e unha fermosísima bolboreta da familia Papilionidae. Entre as dez especies que o naturalista David Attenborough salvaría da extinción está unha bolboreta das antípodas, a Ornithoptera priamus que voa por Nova Guinea, Molucas e outras illas ao Norte de Australia, pola súa marabillosa beleza e porque levanta o corazón. Hai fotos moito millores que podedes ver na ligazón da bolboreta, esta ten licencia C.C. e tomeina prestada da wikipedia alemana.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Ornithoptera priamus

Aelia rostrata (Boheman, 1852)

Phylum ARTHROPODA/Subphylum HEXAPODA/Clase Insecta/Orden Hemiptera/Suborden Heteroptera/Infraord. Pentatomomorpha/Superfam. Pentatomoidea (Leach, 1815)/Fam. Pentatomidae (Leach, 1815)/Subfam. Pentatominae (Leach, 1815)/Tribu Aelini (Amyot & Serville, 1843)/Gen. Aelia Fabricius, 1803/

En principio vendo fotografías pensei que sería Aelia acuminata pero en B. V. foi identificado por Luis Vivas como A. rostrata.
Chinches de entre 10-12 mm de lonxitude no que machos e femias son moi semellantes e que cando chegan á edade adulta xúntanse nos campos de cereais baixando das súas zonas de letargo ao darse as condicións climatolóxicas adecuadas. En Castela chámanlle garrapatillo pero tamén se coñece por parpaja ou paulilla.
É unha chinche importante desde o punto de vista agrario porque pode resultar unha praga para os cereais non so porque come grao senon tamén porque lle dá mal sabor e non pode ser aproveitado para fariña dados os cambios químicos producidos polo cuspe, (unha enzima do tipo proteasa que destrúe o glúten), que o insecto inxecta para consumilo e tamén porque fai secar a espiga ao picar a cana. Até o gando rexeita o penso polo cheiro e o mal sabor.
Do xénero Aelia hai catro especies na Península ibérica: Aelia acuminata (Linnaeus, 1758), Aelia cribosa (Fieber, 1868) do que non atopei foto, Aelia germari (Kuster, 1852) e Aelia rostrata (Boheman, 1852)
Para distinguir dun vistazo a A. rostrata so temos que fixarnos na búcula por parte de baixo da cabeza e confirmar que ten dentes ou espiñas xa que os outros Aelia non teñen (Podedes comparar as diferencias visuais se agrandades a imaxe neste esquema e descripción traducida do traballo publicado en .pdf no Ministerio de Agricultura, Guía de identificación de los chinches de los cereales (Insecta, Heteroptera) encontrados en los trigos españoles, de D. RUIZ, M. GOULA, E. INFIESTA, T. MONLEÓN, M. PUJOL, E. GORDÚN). Lamentablemente as miñas fotografías non mostran a búcula porque cando fixen a foto descoñecía tal pormenor e na de perfil está tapada pola antena.
Pasan o inverno aletargadas en zonas situadas entre 600-1500 metros de altitude refuxiadas en gramíneas e outras plantas tupidas e logo na primavera crúzanse e poñen os ovos nas follas do cereal para despois pasar por cinco estados larvarios, todos eles de forma e cor semellantes ao adulto, aínda que de menor tamaño e coas ás pouco desenvolvidas. A partir de xuño xa se ven os adultos.
As pragas deberían ser combatidas, para ser ecolóxicas, con himenópteros (Asolcus sp.) e dípteros (Gymnosoma sp. )parasitoides dos ovos, ou aproveitar os fungos Beauveria sp., que atacan os adultos.
En Galicia, dado o pouco trigo que se bota agora supoño que será máis escaso, está citado no traballo sobre os Heteroptera das Illas Cíes. Carlos Rey tamén o fotografou en Ourense.
Fotografías de Xullo 2012 no Sur de Ourense sobre o que parece avea brava (Avena barbata) , nun baldío sen leiras de trigo no redor.

Publicado en Sen clasificar | 2 Comentarios

Episyrphus balteatus (De Geer, 1776)

Phylum ARTHROPODA/Subphylum HEXAPODA/Clase Insecta/Orden Diptera/Suborden Brachycera/Cyclorrhapha/Familia Syrphidae/Subfamilia Syrphinae/

Os sírfidos son esas moscas que imitan ás avespas co seu abdomen de franxas. Son bastante difíciles de identificar e coa excepción da Myathropa florea que subín hai un par de meses é o único ao que conseguín poñerlle nome, espero non me ter trabucado. Axuda ese abdome estreito e ese amarelo que tende a rubio e tamén esas bandas secundarias nos tergitos terceiro e cuarto, así como as lonxitudinais no tórax.
Son moi comúns e pódense ver en calquera lugar e en calquera época do ano visitando as flores aínda que parecen preferir as das especies Taraxacum. Son migradoras e en algunha ocasión debido á masiva aparición destas “avespas” xa teñen causado algún susto cando na realidade, no seu estadío de larva vive nas plantas para as que, resulta moi beneficiosa dado que son grandes devoradoras de áfidos (até 200 durante a fase), tan importantes son no control das plagas de pulgóns que hai quen as vende en forma de pupa. (Se vos fixades no talo do dente de león botádelle un pouco de imaxinación e poderedes identificar esas manchas escuras como, o que en realidade eran, pulgóns).
En castelán chámanlle mosca cernidora de invierno e é tan coñecida que até ten aparecido nos décimos da lotería e os científicos xa lle levan postos unha morea de nomes (todos estes son sinónimos: E. balteata, E. cannabinus, E. scitule, E. scitulus, Epistrophe balteata, Musca balteatus, Musca cannabinus, Musca scitule, Musca scitulus, Syrphus balteatus).
Fotografada no Sur de Ourense no mes de Outubro de 2012.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Episyrphus balteatus (De Geer, 1776)

Aculepeira ceropegia, (Walckenaer, 1802)

Phylum ARTHROPODA/Subphylum CHELICERATA/Clase Arachnida/Orden Araneae/Suborden Araneomorphae/Familia Araneidae Latreille, 1806/Aculepeira Chamberlin & Ivie, 1942

Recentemente subín a Biodiversidade virtual e ao foro Aracno Natura unha araña pensando que debía ser outra polo parecido que tiña na fotografía do libriño que teño sobre arácnidos. Dentro dos artrópodos non son precisamente dos bichos que me resultan máis atractivos pero vounos fotografiando e reparando cada vez máis neles.


Fotografada nos montes de O Courel a finais de Xullo de 2012

Unha vez que souben de que especie se trataba tratei de recabar información on line así como as posibles citas que pudese haber na rede.
No primeiro caso din co traballo de Eduardo Morano Introducción a la diversidad de las arañas Iberobaleares, entre outros, e no que se refire a citas galegas só atopei unha femia fotografada por Belén Amarante en “Enciña da Lastra” (Ourense), supoño que haberá máis.
A confusión, ao ver fotos para tratar de identificala, foi con Neoscona adianta aínda que por algún motivo non reparei nas tres Aculepeira da páx. anterior do libriño citado [A. aculeata¹, A. carbonaria (citada apenas unha vez por Franganillo em 1920 en Portugal) e A. armida] nas que o deseño do opistosoma ten unha maior semellanza.
Para evitar esa confusión a nivel macroscópico, sen andar cos estudos de xenitalia tantas veces necesarios, habería que reparar no prosoma e no opistosoma no caso de comparala con Neoscona adianta e entón o experto (Eduardo Morano) di (traduzo):

Para distinguir ambas especies fíxate nos seguintes caracteres dorsais:
– Prosoma con liñas central e/ou marxinais negras (estas últimas poden faltar ou ser menos nítidas).
– O deseño do opistosoma ten formas máis redondeadas, mentras que Aculeperia é máis angulosa.

E con Aculepeira armida

– Zona lateral roxiza ou rubia (segundo a luz e o exemplar) que mostra A. armida, mentras que esa zona ten o fondo máis amarelado cun reticulado negro en A. ceropegia.

Como decía, unha vez identificada tentei buscar información e no traballo citado de Eduardo Morano (unha autoridade a nivel ibérico nas familias Araneidae, Tetragnathidae y Uloboridae e autor xunto con P. Cardoso do Catálogo das arañas ibéricas) atopeime con que, segundo a bibliografía estudada, en Galicia están citadas 191 especies (122 en Pontevedra, 64 en A Coruña, 18 en Lugo e 17 en Ourense) en catro traballos² do século pasado (un do XIX). Segundo o autor non coñece ningún investigador que estea actualmente facendo un estudo sobre arañas galegas.

¹ En Araneae, unha páxina que me foi recomendada para a identificación das arañas, non aparece por ningún lado Aculepeira aculeata (Aculepeira ceropegia, Aculepeira carbonaria, Aculepeira armida, Aculepeira lapponica,…). paréceseme tanto na foto do libro á A. ceropegia que se cadra é a mesma especie.

² BECKER, L. 1881b Communications arachnologiques: Archnides d’Espagne (Galice). Ann. Soc. ent. Belg.: 25, C.R.:LXV-LXVII.
FRANGANILLO BALBOA, P. 1909 Arañas de la familia de los Argiópidos, observadas junto a la desembocadura del Miño. Act. mem. Congr. nat. Esp.: 1:185-189.
FRANGANILLO BALBOA, P. 1910a Arañas de la desembocadura del Miño. Broteria: 9:5-22.
MELIC, A. 1994b Arañas de Galicia. Bol. Soc. entomol. Aragonesa,: 8.11-14.
Como identificar as arañas polos ollos.
Como identificar as arañas polas fotos.
Na páxina outros artrópodos ao final hai máis de 40 ligazóns sobre arácnidos que vos poden resultar interesantes.

E isto é, en poucas palabras, o que aprendín.

Se alguén quere constituir un grupo para aumentar as citas de arañas galegas que se poña en contacto comigo.

Adenda (2012-09-27): Acabo de ler o artigo publicado na Revista Ibérica de Aracnología: Arañas (Arachnida: Araneae) en lagunas de la Red Natura 2000 de Galicia (Noroeste de España) (Vol. 20 Sección: Artículos y Notas. Pp: 71−83 Fecha de publicación: 31-Enero-2012) de Eduardo Morano, Amaia Pérez-Bilbao, Cesar João Benetti y Josefina Garrido no que citan varias especies no territorio galego.

Adenda de Eduardo Morano (2012-09-28):
O término de Aculepeira aculeata é unha sinonimia. É decir, actualmente éste término científico non se usa por considerarse que se refire a unha araña xa coñecida.
As especies citadas na península para o xénero Aculepeira son: A. armida, A.carbonaria e A. ceropegia.
Por outra banda, as cifras para a fauna galega con datos do cátalogo (2010) e da nota dos LIC, aumentan un poco máis, son: 257 especies (99 A Coruña; 44 Lugo; 39 Ourense; 114 Pontevedra). As especies de Pontevedra baixaron porque non se consideran válidas varias citas de Franganillo.
Por último, aínda que non coñeza a ningún investigador, se cadra existe ou puede ocurrir que cualquer investigador estea estudando material de Galicia, como me pasou a mín.
Moitas grazas, Eduardo.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Aculepeira ceropegia, (Walckenaer, 1802)